lunes, 3 de marzo de 2008

A RESPONSABILIDADE

O luns 25 tivemos unha charla sobre responsabilidade nos nenos. Póñovos aquí un pequeno resumo:

Cousas a evitar:

1 - Comparacións que deixen ao teu fillo en ridículo.
2 - Comentarios que xeren ansiedade, temor ou inseguridade, e descualificacións globais.
3 - Berros, malos modos e ameazas.
4 - Ver ao teu fillo/a como persoa pasiva que só recibe ordes.
5 - A sobreprotección.
6 - Manifestar desacordo entre pai e nai diante dos fillos/as.

Cousas a intentar:
1 - Buscar ocasións para eloxiar con realismo e precisión.
2 - Sinalar límites adecuados e concretos ás accións que non desexas que repitan os teus fillos/fillas.
3 - Deixar claras as normas de comportamento.
4 - Recoñecer e valorar o seu esforzo, non só o resultado final.
5 - Transmitir entusiasmo e implicarte nos asuntos e intereses dos teus fillos.
6 - Comprender que debe desenvolverse só ante as dificultades e felicitarlo cando as resolva adecuadamente.
7 - Escoitar con paciencia e sen interferencias de televisión, radio, etc.
8 - Considerar que vós, pai e nai, sodes modelos constantes de referencia e que vos van a imitar.
9 - Favorecer a participación dos fillos e fillas para decidir algúns asuntos e elixir entre posibilidades.
10 - Invitar aos teus fillos a contar as súas experiencias para crear un clima de confianza e diálogo.
11 - Facer referencia á conduta que non vos parece adecuada e non mesturala con outras condutas anteriores.
12 - Axudarlles a verse de modo realista, recoñecendo os seus valores e as súas dificultades.
13 - Dalle responsabilidades adecuadas á súa idade. A ser responsable apréndese coa práctica.

Nesta sesión tamén acordamos adaptar os días das charlas pra que poidan asistir algúns pais ós que ás veces lles coincide a charla co traballo.

5 comentarios:

Aivou dijo...

Levo varias sesións da escola de pais e nais cun crecente desacougo polo evidente enfoque conductista de todos os contidos... incomódame moitísimo esa visión dos nenos como individuos a "adestrar" cun sistema de reforzos premio-castigo (¿fixástedesvos cantas veces chegamos a repetir a palabra castigo en cada unha das sesións?)
Incomódame presentar a educación como unha loita de forzas onde unha gaña e sáese "coa súa" e outra perde e ten que someterse (e non porque elixa un cambio de postura). Eu pregúntome qué estamos a intentar transmitir, que hai quen manda e quen obedece en base a unha escala de forza-poder?
O razoamento do luns sobre a importancia da falda de Belén (un bico Belén) púxome os pelos de punta... non cedemos en algo sen importancia (que nos consta que é importante para a nena) porque ela sae "victoriosa" e ocupa una posición de poder sobre nós... bufff... sei que só é un exemplo, pero é un exemplo moi claro... eu mando e ti fas o que digo: cando fas o que digo está ben, cando non fas o que digo está mal... eu teño poder e digo o que hai que facer, ti non tes poder e es sumiso... eu non quero educar individuos sumisos que estean buscando a súa parcela de poder para someter a outros... prefiro ceder e explicar... prefiro individuos que saiban razoar, valorar a importancia dun desexo, ser quen de poñerse no lugar de outra persoa e valorar a importancia que ese desexo ten para ela, ceder cando sexa adecuado, transixir...
E é que sempre falamos da tan cacareada empatía, queremos que os nosos fillos sexan empáticos, que sexan capaces de poñerse no lugar dos outros, e nós somos incapaces, desde que nacen, de poñernos no seu lugar, de predicar co exemplo, que a fin de contas é a única forma válida de transmitir os valores... é terrible a imaxen de seres manipuladores e tiranos que se nos vende desde o momento en que imos ter un fillo, no momento en que nacen xa nos advirten "non o collas no colo que se acostuma", "deixao chorar que se non xa sabe como facer que o collas"...
E por último teño un pequeno tirón de orellas a un comentario, sen mala intención, que non fai senon reflectir esta sociedade que despreza o valor da crianza vendendo valores patriarcales de competitividade-productividade-éxito: entre a lista de feitos negativos relacionados coa nai de Shin Chan o primeiro foi: "traballa só na casa...", eu son consciente de que, nos tempos que corren, poder traballar "só na casa", poder evitar as garderías, poder adicar a túa enerxía vital á crianza e un luxo que non todo o mundo se pode permitir... pero precisamente é pola desvalorización da muller coma nai, coma educadora, coma base da sociedade, mentres non se dea valor ó traballo reproductivo máis aló do productivo seguiremos escoitando este tipo de frases sen mala intención, seguiremos creando garderías en vez de ampliar permisos de maternidade, e obrigando ás nais a separarse dos seus fillos prematuramente en base a supostas políticas de conciliación...

Un par de enlaces para ler e pensar:

Como nos gustaría que fosen os nosos fillos?:
http://tinyurl.com/2h44hb

O teu fillo é unha boa persoa:
http://tinyurl.com/3agxce

MB dijo...

En primeiro lugar quero darche as grazas:
-por participar na escola de pais tanto presencialmente como a través do blog.
-por ser a primeira persoa que fai un comentario crítico-constructivo sobre o desenvolvemento das sesións (non sei se sodes varias/os as/os que pensades así). En todo caso sérveme para reflexionar e mellorar. Son un completo novato no tema das escolas de pais, así que seguramente estou facendo moitas cousas mal que me gustaría revisar. Precisamente nesta próxima sesión pensaba pedirvos ideas e suxestións para mellorar as charlas de cara ao 3º trimestre.

En segundo lugar pídoche desculpas. Lamento profundamente terche causado desacougo, posto os “pelos de punta”, e terche transmitido esa imaxe de conductista enfermizo e defensor dos valores patriarcais. Nada máis lonxe da miña intención. De feito cáusame certa sorpresa.

Procurarei explicarme mellor:
-Dis que o enfoque é marcadamente conductista porque fago moita referencia ós premios e ós castigos. Pois ben, discrepo. Non creo que por empregar certos recursos de corte conductista se me poida colgar a etiqueta de conductista. De feito o conductismo ten unha serie de implicacións que rexeito de plano. Eu sonche bastante ecléctico. Collo de aquí e de alá o que me parece útil e tento integralo nun modelo coherente baseado no cognitivismo.
Poida que faga moita referencia a premios e castigos. Pero hai unha razón. A razón é que a aplicación de castigos e premios de forma coherente e continxente é unha das principias dificultades de moitos pais de hoxe. Pero non por iso penso que os nenos sexan adestrables como ratas de laboratorio, nin que haxa que estar sempre detrás do neno coa vara e o azucarillo. Co exemplo concreto da falda quería transmitir a importancia que ten o que a nena saiba que non sempre vai conseguir o que quere. Non se trata de “eu gano-ti perdes”. Trátase de ir ensinando pouco a pouco a superar esas pequenas frustracións da vida cotiá. Se falei en termos de victoria/derrota foi para facelo máis claro. Para evidenciar o importante que é o “non” para a configuración da personalidade do neno.
-Tamén dis, mellor dito, deduces, que defendo un rol de pai autoritario e con poder sobre o fillo que debe ser educado na sumisión e obediencia. Creo que iso non é o que defendín nesa mesma sesión cando falei da autonomía, nin na sesión anterior sobre os estilos educativos. De feito tamén fixen fincapé no tema da autonomía e na necesidade de darlles posibilidades de elección adecuadas á súa idade... Tampouco foi o que defendín cando falamos do acoso-agresividade infantil (non sei estiveches nesa sesión), senon que defendín o diálogo e a educación emocional como alternativa (fronte a maioría de asistentes que defendía o “ollo por ollo, dente por dente”). Gustaríame que viras unha das miñas clases para entender mellor o estilo educativo que practico.
Eu tamén son partidario de “educar individuos que saiban razoar, valorar a importancia dun desexo, ser quen de poñerse no lugar de outra persoa e valorar a importancia que ese desexo ten para ela, ceder cando sexa adecuado, transixir...”, pero iso non é incompatible co castigo, co “non”, ou cos reforzos negativos e positivos que debemos aprender a usar sabiamente.
-En canto ó da empatía e o pouco exemplo que damos ós nenos, pois non che falta razón. A empatía é un dos pilares da chamada educación ou intelixencia emocional, e eu penso que é unha das principais carencias dos nenos hoxe en día. E a escola penso que debera dar un xiro nese sentido. Ademais a nova lei de educación resalta que non só se trata de “saber” e “saber facer”, se non que tamén hai que “saber ser e estar”, ademais de saber aplicar na vida cotiá esas aprendizaxes. Sen embargo non creo que sexa tan terrible a visión que se da dos nenos. Os nenos cando nacen non son malos nin tiranos, pero iso non quere dicir que non haxa tiranos de 4 ou 5 anos e incluso menos. Pero non son eles, non é a súa natureza. É a interación co entorno (pais, nais, educadores, medio desfavorecido...) o que os convirte en “tiranos”.
-Por último en canto á nai de Sin Chan... bueno, o certo é que nunca me criticaran por defender á muller.
Sin Chan é unha serie de debuxos animados para adultos que fan unha parodia da familia tipo nipona; e vistos e entendidos como tal por un adulto, pois non hai problema. Pero claro, se os responsables da programación os colocan en horario infantil, debemos analizar as ideas e valores que pode asumir o neno cando ve esta serie.
Eu dixen, efectivamente, que a nai de Sin Chan traballa só na casa, que maltrata físicamente ó neno, que é despilfarradora, etc. O que quixen dicir é “só vale para traballar na casa”. O que quería explicar é que están a transmitir ós nenos a idea machista de que a muller debe ou vale para traballar só na casa. Se transmitiran a idea de que a nai, decidiu libremente traballar na casa pareceríame fantástico. Pero non é así. Por iso penso que fixeches unha interpretación reducionista do meu comentario. En todo caso creo que me malinterpretáches.

Non sei se che aclarei algo as miñas opinións. En todo caso, podemos seguir falando o luns, e aclarando, para todos se é preciso, estes aspectos ou calquera outro que consideredes oportuno.

Aivou dijo...

Que non Miguel... que nin digo que sexas un conductista enfermizo nin un defensor dos valores patriarcais (espero que só sexa un exercicio de vehemencia coma o meu cos "pelos de punta"), dixen que os contidos das sesións teñen un enfoque conductista (non falei nin de ti, nin do material que usas, nin sequera das charlas), e o termo patriarcal apliqueino á sociedade, non a ti, unha frase sacada de un contexto concreto non me valería para valorarte nin coma patriarcal nin coma non patriarcal, o que dicía é que temos tan asumida a desvalorización de ese rol que ata ti ou eu mesma dicimos "traballa só na casa" sen darnos conta do sentido que ten esa frase tan aparentemente inocente (por certo, feliz día da muller "traballadora" a todas as mulleres)... cónstame que a nai de Shin Chan é unha caricatura...
Veña, non te sintas atacado que non é esa a miña intención.
Un biquiño.

MB dijo...

Obviamente, o de conductista enfermizo e demais era unha esaxeración pra darlle un pouco máis de dramatismo á túa visión.
Pero para nada me sentín atacado. Simplemente sorprendido de terche causado esa impresión. Creei este blog sobre todo para iso: intercambiar impresións. Estaría bo que agora me sentira atacado...
Vémonos mañá.

Aivou dijo...

Grazas por facerlle un sitio ó cariño, ás veces as cousas que se presupoñen parece que non existen e aparecen só con nomealas. Gustáronme moito máis os comentarios post-exposición/pre-merendola...
Pois eso. Graciñas.